Bohumil Hrabal (Brno, 1914) estudou dereito, historia da literatura, arte e filosofía, ata que os nazis chegaron ao poder e converteron Bohemia e Moravia nun protectorado. Obrigado a deixar a vida académica, Hrabal pasou por diferentes empregos, nos Continue
Bohumil Hrabal (Brno, 1914) estudou dereito, historia da literatura, arte e filosofía, ata que os nazis chegaron ao poder e converteron Bohemia e Moravia nun protectorado. Obrigado a deixar a vida académica, Hrabal pasou por diferentes empregos, nos ferrocarrís, nos telégrafos ou nunha planta de recollida de papel vello na rúa Spálená de Praga, experiencia que lle serviu de inspiración para esta novela. Entre as súas primeiras obras figura Trens rigorosamente vixiados, que foi máis tarde levada ao cine e premiado pola Academia de Hollywood. O mundo que describe Hrabal é ás veces triste; o seu estilo, moi vivo e peculiar, longos períodos que reflicten a corrente de consciencia dos seus personaxes comúns e marxinais que nos amosan unha realidade pouco idílica, xenios da vida cotiá, mergullados nela e condenados por ela á insignificancia. Bohumil Hrabal morreu en 1997, cando caeu pola fiestra do hospital onde se atopaba internado, aínda que a aparición do tema do suicidio en varias novelas fai pensar que non se tratase dun accidente. Na actualidade é considerado un dos máis grandes escritores da literatura checa.
Hant'a leva trinta e cinco anos facendo balas de papel vello cunha prensa hidráulica nun lúgubre soto de Praga, cun feixe de ratos e un xefe explotador como única compaña. Dende o burato do teito do soto, que dá ao chan dun patio, cáenlle moreas de libros e todo tipo de papel usado condenado a ser comprimido e reciclado. Para Hant'a moitos deses libros son tesouros dun valor incalculable, que pasan a enriquecer a súa biblioteca persoal, ocupando todo o espazo da súa casa. Entre xerra e xerra de cervexa e libros de filosofía, arte e literatura, Hant'a desenvolve o seu traballo, que require segundo el polo menos “un seminario de teoloxía”, pois cada bala que fai é unha verdadeira obra de arte, escollendo coidadosamente os libros que as compoñen e decorándoas con láminas de arte. Malia o seu esforzo creativo e a súa bagaxe intelectual, un traballador coma el e unha prensa coma a súa non son rendibles nun mundo máis preocupado pola cantidade que pola calidade, o reflexo dun novo tempo que xa non é o seu...